Roncesvalles

En euskera, Orreaga. Localidade de 26 habitantes (923 m) no Camiño Francés, en Navarra. A 749 km de Santiago. Esta localidade foi, e segue sendo, un enclave fundamental para os peregrinos da ruta que encontran aquí numerosas institucións relixiosas dedicadas a súa atención tras o sempre difícil paso de los montes Pirineos entre Francia e España. É considerada por moitos, debido á forza histórica e simbólica do conxunto da localidade no desenvolvemento da peregrinación, o segundo gran centro xacobeo da Ruta despois de Compostela.

A fuxida de Roldán

VALDIORRES Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga i a Labrada.
Por onde pasos solos van
vai irado a cabalo Don Roldán
en polas costureiras empenchado
sombra xa sin estrondo nin perigo
ralvando o Sil de lado a lado.
Ena beira alí deixou testigo:
a ferradura na pedra marcada.

Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga i a Labrada.
O Progreso por fume anunciado
anunciado a fume i a pitido.
Ferrocarril! I el fuxe ¿en qué ano?
A Ribeira Sacra sin cabalo
ou por Barxa de Lor a remontalo
ou polo Selmo a peito ou o Robledo
por San Martín á Pena do Escribano
pro Courel co primeiro medo
nebrato tras dun corzo perseguido.

Ó non terse a pastor metido
e non vir de labrego herdado
ó non ser en Meiraos frade armado
nin poeta en Parada recluido
vaga sombra tras sombras namorado
entre Briosa e Ildara ido-vido.

Pelegrín a Santiago extraviado
no tempo na lenda e no olvido
de Francia e Roncesvalles esquecido
e de Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga e a Labrada
do Progreso do tren i o seu pitido.
Entrou na miña casa de Parada
e foi un verso ampre escollido
de cabalo ó paso non forzado
cargado de toda a edá pasada
para retiro final indefinido.

Roncesvalles