Camiño

CAMIÑO. “Cando eu estaba no Courel vía partir os camiños, era como se fosen seres vivos. As montañas tapaban o oeste e os camiños ían cara ó leste. E no fondo recoñezo que o estilo dos meus camiños vén de Rosalía, vén dun camiño que canta Rosalia, ese que di: Dende aquí vexo un camiño / que non sei adónde vai; / polo mismo que n´o sei, / quixera o poder andar... Era impresionante. E recordo que me falara deste camiño Freire de Andrade, da Coruña. Xa era moi velliño. Tería 90 anos, e falárame deste camiño de Rosalía. Eu soñei o camiño cara ó leste, díxeno nun discurso en Vilafranca, pechando as xornadas galegas. Onde vai a vaca branca, onde ti pares será Vilafranca, dise no Courel” (Conversa telefónica, 25.04.1999).

As cores do Ucedo en Os Eidos. O libro do Courel 2018