NO Carbedo Dona Ildara
Dona Briosa na Seara
Lucenza campa cimeira
a Devesa da Rogueira
Mogoxe Torre Cabreira
entre a Cova da Gralleira
i a Fonte
de Ricamonte
Seoane da Ferrería
Meiraos de Santa María
i entre Vilela e Piñeira
a Toca
e a lousa que tapa a boca
das olas d-ouro
do mouro.
Moreda cazcalla solta
e nun rechao asentada
Parada
onde a terra dá a volta.
PEITA peita peita peita
oh peite de púa estreita
porta da cova do mouro
o ouro de tódolos mollos
o pelo de ouro máis ouro
que fino peite peiteara
riba do azul dunhos ollos
e se liso o alisara.
A fuxida de Roldán
VALDIORRES Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga i a Labrada.
Por onde pasos solos van
vai irado a cabalo Don Roldán
en polas costureiras empenchado
sombra xa sin estrondo nin perigo
ralvando o Sil de lado a lado.
Ena beira alí deixou testigo:
a ferradura na pedra marcada.
Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga i a Labrada.
O Progreso por fume anunciado
anunciado a fume i a pitido.
Ferrocarril! I el fuxe ¿en qué ano?
A Ribeira Sacra sin cabalo
ou por Barxa de Lor a remontalo
ou polo Selmo a peito ou o Robledo
por San Martín á Pena do Escribano
pro Courel co primeiro medo
nebrato tras dun corzo perseguido.
Ó non terse a pastor metido
e non vir de labrego herdado
ó non ser en Meiraos frade armado
nin poeta en Parada recluido
vaga sombra tras sombras namorado
entre Briosa e Ildara ido-vido.
Pelegrín a Santiago extraviado
no tempo na lenda e no olvido
de Francia e Roncesvalles esquecido
e de Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga e a Labrada
do Progreso do tren i o seu pitido.
Entrou na miña casa de Parada
e foi un verso ampre escollido
de cabalo ó paso non forzado
cargado de toda a edá pasada
para retiro final indefinido.
Don Roldán fálalles ás pastoras
coma cabaleiro e trovador
SEÑORA la mía señor
señora dona pastor!
Polo camiño da vida
polo camiño d-abaixo
que seña a miña medida
a altura á que por ti baixo
como gracia concedida
para riparche o refaixo.
Don Roldán senta a un neno
nun dos xionllos
e deixando a perna falsa
insínalle a cabalgar
ENCONTRAR o Cebreiro atrancado
e ciar pola neve derrotada.
Esbarar ó Valcarcel en irado
volver por Vilafranca a Ponferrada.
Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovais Quiroga i a Labrada.
Barxa de Lor Brollón Monforte alzado
cercado pola propia mirada.
Bóveda Oural e Sarria. Retomado
o Camiño trala longa rodeada.
…
Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovais Quiroga i a Labrada.
Barxa de Lor Monforte Tor Chantada.
Atrousar polo Faro neve xeada.
Rodeiro Lalín Silleda de tirada
e ter o Pico Sacro en de lado
despois da máis longa derivada.
Mirar todo branco alisado
hastra mesmo Santiago a nevarada.
DA Rúa a Vilamartín
por Cernego ó Robledo
da vide ó castiñeirodo
castiñeiro ó ucedo.
A terra dos camiños
que baixan das montañas
apousa nos pociños
enriba das raigañas.
POR Cernego ó Robledo
i a Devesa do Rebolo
polo cerengo seguido
camiño cimeiro ee solo
Covallos como o da Dona
e que veña o que queira
ir ó Cortello dos Cervos
á Campa e a Rogueira.
DO Sil da ribeira quente
por Córgomo e San Vicente
ou por Cernego ó Robledo
polo Rebolo á Seara
por onde o Selmo comenza
e a Parada por Lucenza
ou por Visuña ó Carbedo
Castelo de Dona Ildara.