Torrenovaes

Na localidade de Quiroga, no chamado ‘monte do castelo’, permanecen os restos dunha fortaleza baixo medieval, cuxos orixes se remontan ao século X e que posiblemente se sitúan sobre una construción anterior. O castelo aproveita as ladeiras empinadas dun promontorio rochoso próximo ao río Sil.Polas súas ruínas pódese apreciar o seu emprazamento, desde o cal se dominaba unha gran extensión do val do Sil e de parte de As Terras de Quiroga.

A fuxida de Roldán

VALDIORRES Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga i a Labrada.
Por onde pasos solos van
vai irado a cabalo Don Roldán
en polas costureiras empenchado
sombra xa sin estrondo nin perigo
ralvando o Sil de lado a lado.
Ena beira alí deixou testigo:
a ferradura na pedra marcada.

Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga i a Labrada.
O Progreso por fume anunciado
anunciado a fume i a pitido.
Ferrocarril! I el fuxe ¿en qué ano?
A Ribeira Sacra sin cabalo
ou por Barxa de Lor a remontalo
ou polo Selmo a peito ou o Robledo
por San Martín á Pena do Escribano
pro Courel co primeiro medo
nebrato tras dun corzo perseguido.

Ó non terse a pastor metido
e non vir de labrego herdado
ó non ser en Meiraos frade armado
nin poeta en Parada recluido
vaga sombra tras sombras namorado
entre Briosa e Ildara ido-vido.

Pelegrín a Santiago extraviado
no tempo na lenda e no olvido
de Francia e Roncesvalles esquecido
e de Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga e a Labrada
do Progreso do tren i o seu pitido.
Entrou na miña casa de Parada
e foi un verso ampre escollido
de cabalo ó paso non forzado
cargado de toda a edá pasada
para retiro final indefinido.

Torrenovaes

ENCONTRAR o Cebreiro atrancado
e ciar pola neve derrotada.
Esbarar ó Valcarcel en irado
volver por Vilafranca a Ponferrada.
Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovais Quiroga i a Labrada.
Barxa de Lor Brollón Monforte alzado
cercado pola propia mirada.
Bóveda Oural e Sarria. Retomado
o Camiño trala longa rodeada.

Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovais Quiroga i a Labrada.
Barxa de Lor Monforte Tor Chantada.
Atrousar polo Faro neve xeada.

Rodeiro Lalín Silleda de tirada
e ter o Pico Sacro en de lado
despois da máis longa derivada.
Mirar todo branco alisado
hastra mesmo Santiago a nevarada.

Torrenovaes