Sarria

Sarria é un municipio e localidade española da provincia de Lugo, na comunidade autónoma de Galicia. É capital da comarca de Sarria e sede do partido xudicial do mesmo nome. É coñecida por ser o punto de inicio habitual para realizar os últimos 100 km do Camiño de Santiago francés. Entre os seus monumentos destaca a Torre da Fortaleza dos Marqueses de Sarria, único elemento que sobreviviu da Fortaleza, e o Mosteiro da Magdalena construído no século XIII. En total, en todo o municipio pódense atopar ata 20 igrexas da época románica.

PASADAS tódalas Francias
por Ocitania ou Gascuña
ou de París a Iruña
xa diluidas distancias.
A Aragón por Cataluña
ou polo Norte por Son.
En pasádalas Navarras
as cadeas e as barras.
Pasados León e Castela
por Castela a León.
En pasado Monte Irago
e xa na Lingua de Galicia
Ponferrada e Vilafranca
deixando a chaira estanca
enas mesmas portas dela.
O Valcarce e sin perguicia
/as penas de garamela/
apeitar para o Cebreiro
polo marcado carreiro
que a neve volve vago.
Encarar o porto incerto
o longo cerengo aberto.
A un lado i autro del
todo o horizonte en vela
os Ancares i o Courel.
Pasada Triacastela
do Iribio as faldras fago.
E por Samos Sarria a Lugo.
Oh Lugo a ti me adugo
e sólo por ti me arredo
que ben mereces desandes!
Ver a Ponte a antiga vía
a Muralla a Catedral
de Dona Santa María
o Coro e o Grial.
E ver fincadas rezar
coma co antigo medo
poñer a súa alma núa
didiante dos Ollos Grandes.
E despois de rodear
de rodear e de estar
que non se fai o camiño
sólo para rematar
cruza e debruza no Miño:
Portomarín sulo lago.
Palas Melide Arzúa
E logo xa Compostela
/Monxoi! Eoi! Ei Santiago /
e pararme á vista dela
mirar como eu o fago.

1993

Sarria

ENCONTRAR o Cebreiro atrancado
e ciar pola neve derrotada.
Esbarar ó Valcarcel en irado
volver por Vilafranca a Ponferrada.
Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovais Quiroga i a Labrada.
Barxa de Lor Brollón Monforte alzado
cercado pola propia mirada.
Bóveda Oural e Sarria. Retomado
o Camiño trala longa rodeada.

Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovais Quiroga i a Labrada.
Barxa de Lor Monforte Tor Chantada.
Atrousar polo Faro neve xeada.

Rodeiro Lalín Silleda de tirada
e ter o Pico Sacro en de lado
despois da máis longa derivada.
Mirar todo branco alisado
hastra mesmo Santiago a nevarada.

Sarria



POR Parada de Moreda
Seoane da Ferrerías
Meiraos de Santa María
/ o que do seu adro queda /
pola Pedra traspoñía
/ cabalo ó paso que vamos /
por Padrocelos a Samos
e Sarria nun sólo día.

Sarria