Santiago

Santiago de Compostela é un municipio e cidade de España, capital da comunidade autónoma de Galicia. Pertence á provincia de A Coruña e en ela teñen a súa sede o goberno autonómico galego (Xunta de Galicia) e o Parlamento.A cidade antiga de Santiago é Patrimonio da Humanidade pola Unesco desde 1985. Destaca por ser un dos tres grandes núcleos de peregrinación do cristianismo, xunto con Xerusalén e Roma, ao sinalar a tradición que alí se deu sepultura ao apóstolo Santiago o Maior. De especial importancia artística é a súa catedral, dedicada precisamente ao apóstolo Santiago, e que é o destino dos centos de miles de peregrinos de todo o mundo que cada ano realizan o Camiño de Santiago.

PASADAS tódalas Francias
por Ocitania ou Gascuña
ou de París a Iruña
xa diluidas distancias.
A Aragón por Cataluña
ou polo Norte por Son.
En pasádalas Navarras
as cadeas e as barras.
Pasados León e Castela
por Castela a León.
En pasado Monte Irago
e xa na Lingua de Galicia
Ponferrada e Vilafranca
deixando a chaira estanca
enas mesmas portas dela.
O Valcarce e sin perguicia
/as penas de garamela/
apeitar para o Cebreiro
polo marcado carreiro
que a neve volve vago.
Encarar o porto incerto
o longo cerengo aberto.
A un lado i autro del
todo o horizonte en vela
os Ancares i o Courel.
Pasada Triacastela
do Iribio as faldras fago.
E por Samos Sarria a Lugo.
Oh Lugo a ti me adugo
e sólo por ti me arredo
que ben mereces desandes!
Ver a Ponte a antiga vía
a Muralla a Catedral
de Dona Santa María
o Coro e o Grial.
E ver fincadas rezar
coma co antigo medo
poñer a súa alma núa
didiante dos Ollos Grandes.
E despois de rodear
de rodear e de estar
que non se fai o camiño
sólo para rematar
cruza e debruza no Miño:
Portomarín sulo lago.
Palas Melide Arzúa
E logo xa Compostela
/Monxoi! Eoi! Ei Santiago /
e pararme á vista dela
mirar como eu o fago.

1993

Santiago

A fuxida de Roldán

VALDIORRES Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga i a Labrada.
Por onde pasos solos van
vai irado a cabalo Don Roldán
en polas costureiras empenchado
sombra xa sin estrondo nin perigo
ralvando o Sil de lado a lado.
Ena beira alí deixou testigo:
a ferradura na pedra marcada.

Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga i a Labrada.
O Progreso por fume anunciado
anunciado a fume i a pitido.
Ferrocarril! I el fuxe ¿en qué ano?
A Ribeira Sacra sin cabalo
ou por Barxa de Lor a remontalo
ou polo Selmo a peito ou o Robledo
por San Martín á Pena do Escribano
pro Courel co primeiro medo
nebrato tras dun corzo perseguido.

Ó non terse a pastor metido
e non vir de labrego herdado
ó non ser en Meiraos frade armado
nin poeta en Parada recluido
vaga sombra tras sombras namorado
entre Briosa e Ildara ido-vido.

Pelegrín a Santiago extraviado
no tempo na lenda e no olvido
de Francia e Roncesvalles esquecido
e de Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga e a Labrada
do Progreso do tren i o seu pitido.
Entrou na miña casa de Parada
e foi un verso ampre escollido
de cabalo ó paso non forzado
cargado de toda a edá pasada
para retiro final indefinido.

Santiago

ENCONTRAR o Cebreiro atrancado
e ciar pola neve derrotada.
Esbarar ó Valcarcel en irado
volver por Vilafranca a Ponferrada.
Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovais Quiroga i a Labrada.
Barxa de Lor Brollón Monforte alzado
cercado pola propia mirada.
Bóveda Oural e Sarria. Retomado
o Camiño trala longa rodeada.

Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovais Quiroga i a Labrada.
Barxa de Lor Monforte Tor Chantada.
Atrousar polo Faro neve xeada.

Rodeiro Lalín Silleda de tirada
e ter o Pico Sacro en de lado
despois da máis longa derivada.
Mirar todo branco alisado
hastra mesmo Santiago a nevarada.

Santiago

DESPOIS que a de Lugo fago
e de chegar a Santiago
a pelerinax n-acabo
sin pasar ó mesmo cabo
sin ir ó cabo da Terra
a Padrón Noia e Fisterra.

E antes de que a volta faga
tamén ate a Sé de Braga.

Santiago

AMORES de amos
amores dun sólo
amores leviáns
amores de tolo
amores pagáns
amores corteses
amor como amamos
galego-portugueses.

Santiago