Parada

Aldea de nacenza do poeta, é un pequeno núcleo do municipio de Folgoso de Courel situado no sueste da provincia de Lugo (Galicia).Nela, na Casa da Fonte, naceu o 19 de xaneiro de 1930 o poeta Uxío Novoneyra. No lugar pasará a maior parte da súa vida e será o seu espazo de escrita fundamental co que transformou a súa aldea e a Serra nun territorio literario coa súa obra cumio Os Eidos.Estudou en Lugo e Madrid desde o 45. Regresou entre o 53 e o 61 para recuperarse dunha pleuresía contraída no servizo militar.No 55 publica Os eidos, cos que inicia un ciclo de poemas para o que seguirá a escribir toda a vida. Desde o 61 ao 67 viviu en Madrid ate que regresou para coidar aos pais. Viviu en Parada ata o 81, cando fixa a súa residencia primeiro en Lugo e logo definitivamente en Compostela. Alí presidiu a AELG ata que faleceu o 30 de outubro do 99.Na aldea atópase a Casa-Museo, sede da Fundación Uxío Novoneyra, desde o 2010 dedicada á preservación do seu legado e pensamento poético.

ENCONTRAR no Cebreiro a atrancada:
neve folga no tourón basada.
De polvoriña e xistra rexeitado
á Faba i a Lagúa a arrecadadas.
Esbarar ó Valcarcel en irado
a favor das barras aguzadas.
Repetidas súpetas petadas
entre piornos tornos xestas
hastra o val das augas batanadas.

Das Ferrerías á Veiga i Ambasmestas.
Volver por Vilafranca á empinada
por Corullón e Oencia /por Vilarrubín
a Ferramulín /pasadas Vilarrubín
Ferramulín Horreos pechado /
Hastra a Boca do Couto i a Parada.

Por Savane á Pedra nova remontada
cruzando o Courel de lado a lado.
E por Lóuzara /Padrocelos de Martín
trovador / Hastra Samos. Retomado
o Camiño tra-la corta rodeada.

Parada

NO Carbedo Dona Ildara
Dona Briosa na Seara
Lucenza campa cimeira
a Devesa da Rogueira
Mogoxe Torre Cabreira
entre a Cova da Gralleira
i a Fonte
de Ricamonte
Seoane da Ferrería
Meiraos de Santa María
i entre Vilela e Piñeira
a Toca
e a lousa que tapa a boca
das olas d-ouro
do mouro.
Moreda cazcalla solta
e nun rechao asentada
Parada
onde a terra dá a volta.

Parada

A fuxida de Roldán

VALDIORRES Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga i a Labrada.
Por onde pasos solos van
vai irado a cabalo Don Roldán
en polas costureiras empenchado
sombra xa sin estrondo nin perigo
ralvando o Sil de lado a lado.
Ena beira alí deixou testigo:
a ferradura na pedra marcada.

Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga i a Labrada.
O Progreso por fume anunciado
anunciado a fume i a pitido.
Ferrocarril! I el fuxe ¿en qué ano?
A Ribeira Sacra sin cabalo
ou por Barxa de Lor a remontalo
ou polo Selmo a peito ou o Robledo
por San Martín á Pena do Escribano
pro Courel co primeiro medo
nebrato tras dun corzo perseguido.

Ó non terse a pastor metido
e non vir de labrego herdado
ó non ser en Meiraos frade armado
nin poeta en Parada recluido
vaga sombra tras sombras namorado
entre Briosa e Ildara ido-vido.

Pelegrín a Santiago extraviado
no tempo na lenda e no olvido
de Francia e Roncesvalles esquecido
e de Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga e a Labrada
do Progreso do tren i o seu pitido.
Entrou na miña casa de Parada
e foi un verso ampre escollido
de cabalo ó paso non forzado
cargado de toda a edá pasada
para retiro final indefinido.

Parada

DO Sil da ribeira quente
por Córgomo e San Vicente
ou por Cernego ó Robledo
polo Rebolo á Seara
por onde o Selmo comenza
e a Parada por Lucenza
ou por Visuña ó Carbedo
Castelo de Dona Ildara.

Parada



DE Cernego ó Robledo
do Robledo á Seara
da Seara a Lucenza
de Lucenza a Parada.

Rodeira fonda na pena
que grabou a cantarena
dos carretos nas petadas
e sulas uces que ulías
pola que xa nadie pasa!
Baixan sólo as nevadas
por onde baixou a vena
o carbón das ferrerías
i a lousa da miña casa.

Parada


POR Parada de Moreda
Seoane da Ferrerías
Meiraos de Santa María
/ o que do seu adro queda /
pola Pedra traspoñía
/ cabalo ó paso que vamos /
por Padrocelos a Samos
e Sarria nun sólo día.

Parada



DE Parada ou do Carbedo
á Ferrería e Mogoxe
perto do río i a fonte
perto do corte do monte
seguindo a rota de hoxe
e collendo a de onte
na entalada do medo.

Parada


DE Parada a Moreda
tan perto unha da outra.
Ésta na banda do sol
e aquela na da sombra.
Da Fonte do Carabel
ate a Fonte da Rosa.

Parada

COMO extraviado
no confín dunha edade
vai Xan de Leizán
de casa en casa grande
de Lóuzara á Parada
e Pacios por Savane
vai ó San Lourenzo
e San Romao de antes.

Parada

DE cara a Triacastela
polo cimeiro vial
por Liñares i o Hospital.
E se a terra tremela
derregar para Louzarela.

E por Gondriz a Parada
por Padrocelos i a Pedra
rubir e ver como medra
ver do cimo a rodeada.

Parada