Pacios do Señor

San Lourenzo de Pacios é unha parroquia do municipio lucense de Pedrafita do Cebreiro, Lugo. Nesta parroquia encontrase a casa señorial de Pacios. A Fundación Novoneyra posúe unha copia do sub-fondo Neira e Pol, que comprende a documentación acumulada pola Casa de Pacios de Lousada entre principios do século XVI e o século XIX. A esta familia pertencía Uxío Novoneyra, por liña da súa nai, se ben a herdanza do pazo se transmitiu ao varón, Eugenio Neira Bello, pai do último propietario, Manuel Neira Pol, e primo-irmán moi querido do poeta. Á morte deste, no ano 2014, os fondos de arquivos pasaron a formar parte do Arquivo da Fundación’

DO Carbedo i Esperante
su Mostad a Pontalor
cara Pacios do Señor
o da torre de levante.

Grandalonga i o Hospital
pro Cebreiro por Liñares
levando de cara Ancares
esquecido o Grial.

Pacios do Señor

Dendes de Pacios

POR Fontes e Grandalonga
ó Chao de Veiga de Forcas
a Fonlor e Fonteboa
por Rubiais a Zanfoga
Brañas e Fonteformosa.

Polos Arcos a Trabazas
a Sixto e Chan de Pena
a Sampedro e Riucereixa
e pararse na lembranza
do famoso Sinchaqueta.

Por Lousada a Noceda
por Santalla a Rabaceira
polo Seixo a Louzarela.

Pacios do Señor



POLO Real de Parada
por Savane e por Piñeira
Pontalor e Fondestela
cara Pacios de Lousada
o solar da miña mai.
Polas rotas do meu pai
i a miña irmá cabaleira.
Coma se fora candi-el
como se fora candi-ela
a Pedrafita á feira.
Por Grandalonga e Liñares
deixando a do Courel
pola vista dos Ancares.

Pacios do Señor

POLA Louseira i a Toca
por Valorqueira i o Castro
seguindo o antigo rastro
por onde o Norte emboca.

Ver a Casa do Señor
que desfigurada morre
a da eirexa por torre
a do dobre mirador.

E volta para o Cebreiro
á ermida que foi mosteiro.

Pacios do Señor