Mogoxe

O Csatro de Mogoxe é un castro sen escavar cientificamente, polo que non pode asegurarse a súa cronoloxía, pero parece formar parte do conxunto de castros que configuran unha articulación territorial do Courel en época romana ligada ás minas de ouro (finais s.I-s.II DC). Hai unha liña de castros a media ladeira, unidos por estradas que sen dúbida son obras de enxeñería romana e outra de castros ao nivel do río Lor, ligados de algunha maneira, posto que debaixo dun gran castro a media ladeira hai outro no río. Neste caso está ligado ao Castro da Torre, que o domina.

NO Carbedo Dona Ildara
Dona Briosa na Seara
Lucenza campa cimeira
a Devesa da Rogueira
Mogoxe Torre Cabreira
entre a Cova da Gralleira
i a Fonte
de Ricamonte
Seoane da Ferrería
Meiraos de Santa María
i entre Vilela e Piñeira
a Toca
e a lousa que tapa a boca
das olas d-ouro
do mouro.
Moreda cazcalla solta
e nun rechao asentada
Parada
onde a terra dá a volta.

Mogoxe


DE Parada ou do Carbedo
á Ferrería e Mogoxe
perto do río i a fonte
perto do corte do monte
seguindo a rota de hoxe
e collendo a de onte
na entalada do medo.

Mogoxe

Lenda de Alfonso II

DE Mogoxe a Sobredo
de Sobredo a Seceda
e pola rota segreda
para as Asturias de Oviedo.

Eran seis os cabaleiros
seis os cabaleiros seis
os pares entre os primeiros
os que cambean os reis.

Posto en morada escondida
en terra tan arredada
¿cómo a súa estada?
¿cándo a súa partida?

Sen escolta n-escudeiros
polo Courel sól-os seis.

Cando deixou o Courel
seu escondite de neno
solos ollos que o ven
pregan por il en silencio:

Don Alifonso II
que reines por moito tempo
que gañes ate o Douro
e chegues ate o Texo.

Mogoxe