A Lagoa da Lucenza está situada sobre os 1.420 m. de altura na cara sur de Formigueiros e a uns 2,5 km. da aldea de A Seara (Quiroga) na Sierra do Courel.É unha lagoa de orixe glaciar duns 72 m. de diámetro, con máis de 16.000 anos de antigüidade. Din os expertos que o glaciar puido chegar a ter máis de 6 km de lonxitude e uns 200 m de ancho.
Lucenza
NO Carbedo Dona Ildara
Dona Briosa na Seara
Lucenza campa cimeira
a Devesa da Rogueira
Mogoxe Torre Cabreira
entre a Cova da Gralleira
i a Fonte
de Ricamonte
Seoane da Ferrería
Meiraos de Santa María
i entre Vilela e Piñeira
a Toca
e a lousa que tapa a boca
das olas d-ouro
do mouro.
Moreda cazcalla solta
e nun rechao asentada
Parada
onde a terra dá a volta.
DO Sil da ribeira quente
por Córgomo e San Vicente
ou por Cernego ó Robledo
polo Rebolo á Seara
por onde o Selmo comenza
e a Parada por Lucenza
ou por Visuña ó Carbedo
Castelo de Dona Ildara.

DE Cernego ó Robledo
do Robledo á Seara
da Seara a Lucenza
de Lucenza a Parada.
Rodeira fonda na pena
que grabou a cantarena
dos carretos nas petadas
e sulas uces que ulías
pola que xa nadie pasa!
Baixan sólo as nevadas
por onde baixou a vena
o carbón das ferrerías
i a lousa da miña casa.
MANXAR memoria! Ir ó Courel oir falar a Terra
á Devesa da Rogueira
catar as augas e oler o bosque da árbore primeira
i á Campa da Lucenza onde o silencio berra.
.
TROITAS do Lor!
Mel doce agre sabor!
Carneiro e cabrito!
Hovos en pan frito!
Chourizo a cinsa en papel mollado!
Xamón curado
asado a brasa ou cocido enteiro
no caldeiro!
A pata fora saca
saca fora a pata.
Corza fresca o queixo de farraca!
Frebas costrelas filloas da mata!
Trigo gris
do país
e augardente de arandos
ós candos!
Castañas secas cocidas
asadas ou en burgó
e un bo
quiroga bierzo ou valdiorres de marcas ou de
/ casas coñecidas
que amais do que se leva gardan ritos pausas
/ perdidas!
Á Pena das Augas Brancas
mañá domingo de alba
pordeus amigo que vaias!
E catarémolas augas.
Ó bosque do corzo esguízaro
mañá de alba en domingo
pordeus que vaias amigo!
E catarémolas augas
que nacen ó pe da pena
e iremos á Lucenza
a amolegala campa. 1954