Fontes é un microtopónimo que fai referencia a un eido de terra onde no seu día houbo fontes, de aí que se conserve o topónimo. Encóntrase entre Lousada e Pacios, no extremo nororiental da Serra do Courel, xa no concello de Pedrafita, unha xeografía de particular importancia no ámbito íntimo do autor por ter a familia materna nese lugar.
Fontes
MANXAR memoria! Ir ó Courel oir falar a Terra
á Devesa da Rogueira
catar as augas e oler o bosque da árbore primeira
i á Campa da Lucenza onde o silencio berra.
.
TROITAS do Lor!
Mel doce agre sabor!
Carneiro e cabrito!
Hovos en pan frito!
Chourizo a cinsa en papel mollado!
Xamón curado
asado a brasa ou cocido enteiro
no caldeiro!
A pata fora saca
saca fora a pata.
Corza fresca o queixo de farraca!
Frebas costrelas filloas da mata!
Trigo gris
do país
e augardente de arandos
ós candos!
Castañas secas cocidas
asadas ou en burgó
e un bo
quiroga bierzo ou valdiorres de marcas ou de
/ casas coñecidas
que amais do que se leva gardan ritos pausas
/ perdidas!