Don Roldán

Roldán, foi un comandante histórico dos francos ao servizo da marca bretona, encargado de defender a fronteira francesa contra os bretóns. Morreu na batalla de Roncesvalles a mans dos Vascóns o 15 de agosto do 778. A historia da morte de Roldán na batalla de Roncesvalles relátase no Cantar de Roldán, unha destacada fazaña da literatura medieval cuxo manuscrito máis antigo data do século XI.

A fuxida de Roldán

VALDIORRES Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga i a Labrada.
Por onde pasos solos van
vai irado a cabalo Don Roldán
en polas costureiras empenchado
sombra xa sin estrondo nin perigo
ralvando o Sil de lado a lado.
Ena beira alí deixou testigo:
a ferradura na pedra marcada.

Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga i a Labrada.
O Progreso por fume anunciado
anunciado a fume i a pitido.
Ferrocarril! I el fuxe ¿en qué ano?
A Ribeira Sacra sin cabalo
ou por Barxa de Lor a remontalo
ou polo Selmo a peito ou o Robledo
por San Martín á Pena do Escribano
pro Courel co primeiro medo
nebrato tras dun corzo perseguido.

Ó non terse a pastor metido
e non vir de labrego herdado
ó non ser en Meiraos frade armado
nin poeta en Parada recluido
vaga sombra tras sombras namorado
entre Briosa e Ildara ido-vido.

Pelegrín a Santiago extraviado
no tempo na lenda e no olvido
de Francia e Roncesvalles esquecido
e de Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga e a Labrada
do Progreso do tren i o seu pitido.
Entrou na miña casa de Parada
e foi un verso ampre escollido
de cabalo ó paso non forzado
cargado de toda a edá pasada
para retiro final indefinido.

Don Roldán

Don Roldán fálalles ás pastoras
coma cabaleiro e trovador

SEÑORA la mía señor
señora dona pastor!

Polo camiño da vida
polo camiño d-abaixo
que seña a miña medida
a altura á que por ti baixo
como gracia concedida
para riparche o refaixo.

Don Roldán

Don Roldán senta a un neno
nun dos xionllos
e deixando a perna falsa
insínalle a cabalgar

Don Roldán