A Serra de O Courel, atravesada polo río Lor, é un paraxe natural de incalculable beleza que plasmou como ninguén o escritor local Uxío Novoneyra nos seus poemas. As súas cumes máis altas son Formigueiros, Montouto e Pía Paxaro, montañas moi apropiadas para realizar rutas de sendeirismo e desfrutar da natureza no seu estado máis agreste e vivo.A capa vexetal do lugar, moi abundante e rica, aparece cuberta de uces e rebolos, e nas zonas altas podemos ver bosques de aciñeiras e outras árbores autóctonas. Os vales están rodeados de montes de castiñeiros. En O Courel destacan tamén ‘devesas’ como a de A Rogueira, una reserva botánica das máis fermosas e ricas de Galicia.
Courel
PASADAS tódalas Francias
por Ocitania ou Gascuña
ou de París a Iruña
xa diluidas distancias.
A Aragón por Cataluña
ou polo Norte por Son.
En pasádalas Navarras
as cadeas e as barras.
Pasados León e Castela
por Castela a León.
En pasado Monte Irago
e xa na Lingua de Galicia
Ponferrada e Vilafranca
deixando a chaira estanca
enas mesmas portas dela.
O Valcarce e sin perguicia
/as penas de garamela/
apeitar para o Cebreiro
polo marcado carreiro
que a neve volve vago.
Encarar o porto incerto
o longo cerengo aberto.
A un lado i autro del
todo o horizonte en vela
os Ancares i o Courel.
Pasada Triacastela
do Iribio as faldras fago.
E por Samos Sarria a Lugo.
Oh Lugo a ti me adugo
e sólo por ti me arredo
que ben mereces desandes!
Ver a Ponte a antiga vía
a Muralla a Catedral
de Dona Santa María
o Coro e o Grial.
E ver fincadas rezar
coma co antigo medo
poñer a súa alma núa
didiante dos Ollos Grandes.
E despois de rodear
de rodear e de estar
que non se fai o camiño
sólo para rematar
cruza e debruza no Miño:
Portomarín sulo lago.
Palas Melide Arzúa
E logo xa Compostela
/Monxoi! Eoi! Ei Santiago /
e pararme á vista dela
mirar como eu o fago.
1993
DENDES do Limia hastr-o Norte
do Courel hastr-o mas forte.
ENCONTRAR no Cebreiro a atrancada:
neve folga no tourón basada.
De polvoriña e xistra rexeitado
á Faba i a Lagúa a arrecadadas.
Esbarar ó Valcarcel en irado
a favor das barras aguzadas.
Repetidas súpetas petadas
entre piornos tornos xestas
hastra o val das augas batanadas.
Das Ferrerías á Veiga i Ambasmestas.
Volver por Vilafranca á empinada
por Corullón e Oencia /por Vilarrubín
a Ferramulín /pasadas Vilarrubín
Ferramulín Horreos pechado /
Hastra a Boca do Couto i a Parada.
Por Savane á Pedra nova remontada
cruzando o Courel de lado a lado.
E por Lóuzara /Padrocelos de Martín
trovador / Hastra Samos. Retomado
o Camiño tra-la corta rodeada.
DE Visuña ó Couto.
…………
Se a neve apura
do Couto ó souto
en dereitura.
Ou por Lago ós Chaos de Outeiro
por en de frente do Fedo
por debaixo de Campelo
polo Real do Carbedo de cara o torrepenelo
cara o castelo rocheiro
no que inda está Dona Ildara
posta na fiestra para Tara
vendo o camiño i o Lor
anque sin ver que se move
oindo o ampre rumor
que do val ate ela sabe
e atendendo ó seu señor.
O mesmo que ó outro lado
pola banda da Seara
nun covallo anseiosa
agarda Dona Briosa.
Ambas agardan por el
entre aldeas lenes fumes
/a coor do ucedo nos cumes /
cal se agarda no Courel.
A fuxida de Roldán
VALDIORRES Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga i a Labrada.
Por onde pasos solos van
vai irado a cabalo Don Roldán
en polas costureiras empenchado
sombra xa sin estrondo nin perigo
ralvando o Sil de lado a lado.
Ena beira alí deixou testigo:
a ferradura na pedra marcada.
Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga i a Labrada.
O Progreso por fume anunciado
anunciado a fume i a pitido.
Ferrocarril! I el fuxe ¿en qué ano?
A Ribeira Sacra sin cabalo
ou por Barxa de Lor a remontalo
ou polo Selmo a peito ou o Robledo
por San Martín á Pena do Escribano
pro Courel co primeiro medo
nebrato tras dun corzo perseguido.
Ó non terse a pastor metido
e non vir de labrego herdado
ó non ser en Meiraos frade armado
nin poeta en Parada recluido
vaga sombra tras sombras namorado
entre Briosa e Ildara ido-vido.
Pelegrín a Santiago extraviado
no tempo na lenda e no olvido
de Francia e Roncesvalles esquecido
e de Valdiorres Petín Montefurado
Torrenovaes Quiroga e a Labrada
do Progreso do tren i o seu pitido.
Entrou na miña casa de Parada
e foi un verso ampre escollido
de cabalo ó paso non forzado
cargado de toda a edá pasada
para retiro final indefinido.
Lenda de Alfonso II
DE Mogoxe a Sobredo
de Sobredo a Seceda
e pola rota segreda
para as Asturias de Oviedo.
Eran seis os cabaleiros
seis os cabaleiros seis
os pares entre os primeiros
os que cambean os reis.
Posto en morada escondida
en terra tan arredada
¿cómo a súa estada?
¿cándo a súa partida?
Sen escolta n-escudeiros
polo Courel sól-os seis.
Cando deixou o Courel
seu escondite de neno
solos ollos que o ven
pregan por il en silencio:
Don Alifonso II
que reines por moito tempo
que gañes ate o Douro
e chegues ate o Texo.

POLO Real de Parada
por Savane e por Piñeira
Pontalor e Fondestela
cara Pacios de Lousada
o solar da miña mai.
Polas rotas do meu pai
i a miña irmá cabaleira.
Coma se fora candi-el
como se fora candi-ela
a Pedrafita á feira.
Por Grandalonga e Liñares
deixando a do Courel
pola vista dos Ancares.
E volta cara Zanfoga
ou baixa para o Courel
e volta de volta del
volta do Val de Quiroga.
DO Courel a Lugo. De Lugo ó Courel.
De Santiago a Lugo ¿ía ou volvía?
De Santiago a Lestrove e volta a el
pola veiga llana de Rosalía.
VINDO do Santiago de Compostela
pro Courel proseguir o tempo de Ero
e Manuel para Lugo co pantalón faldón
que veu tralo de boca de cadela.
Rodeando pola Coruña Betanzos Monfero
e Vilalba con Manuel /O Cuadramón!
Mar ó Norde/ por camiño de Oviedo
para ver a Álvaro mesmo en Mondoñedo.
Entre penedos por chousas
levounos á ara antiga
e dalí ó Santuario.
Sin oración nin rosariosin
bico de crucifixocada
un pida tres cousase
que en silencio llas diga.
E fixen o que nos dixo.
Na tumba do Conde Santo
a mao debaixo lle poño.
Canto pedín houben tanto
a pura forza de soño.
1955
MANXAR memoria! Ir ó Courel oir falar a Terra
á Devesa da Rogueira
catar as augas e oler o bosque da árbore primeira
i á Campa da Lucenza onde o silencio berra.
.
TROITAS do Lor!
Mel doce agre sabor!
Carneiro e cabrito!
Hovos en pan frito!
Chourizo a cinsa en papel mollado!
Xamón curado
asado a brasa ou cocido enteiro
no caldeiro!
A pata fora saca
saca fora a pata.
Corza fresca o queixo de farraca!
Frebas costrelas filloas da mata!
Trigo gris
do país
e augardente de arandos
ós candos!
Castañas secas cocidas
asadas ou en burgó
e un bo
quiroga bierzo ou valdiorres de marcas ou de
/ casas coñecidas
que amais do que se leva gardan ritos pausas
/ perdidas!
XA non sei polo que veño
xa non sei ó que me ateño
se é rota cinguida ou solta
xa non sei se é ida ou volta.
Xa non sei se é por Santiago
xa non sei se son un vago
nin se son un pelegrín
nin se esto é peregrinar
xa non sei polo que vin
antes era por chegar
agora é polo camín.