Compostela

Santiago de Compostela é un municipio e cidade de España, capital da comunidade autónoma de Galicia. Pertence á provincia de A Coruña e en ela teñen a súa sede o goberno autonómico galego (Xunta de Galicia) e o Parlamento.A cidade antiga de Santiago é Patrimonio da Humanidade pola Unesco desde 1985. Destaca por ser un dos tres grandes núcleos de peregrinación do cristianismo, xunto con Xerusalén e Roma, ao sinalar a tradición que alí se deu sepultura ao apóstolo Santiago o Maior. De especial importancia artística é a súa catedral, dedicada precisamente ao apóstolo Santiago, e que é o destino dos centos de miles de peregrinos de todo o mundo que cada ano realizan o Camiño de Santiago.

PASADAS tódalas Francias
por Ocitania ou Gascuña
ou de París a Iruña
xa diluidas distancias.
A Aragón por Cataluña
ou polo Norte por Son.
En pasádalas Navarras
as cadeas e as barras.
Pasados León e Castela
por Castela a León.
En pasado Monte Irago
e xa na Lingua de Galicia
Ponferrada e Vilafranca
deixando a chaira estanca
enas mesmas portas dela.
O Valcarce e sin perguicia
/as penas de garamela/
apeitar para o Cebreiro
polo marcado carreiro
que a neve volve vago.
Encarar o porto incerto
o longo cerengo aberto.
A un lado i autro del
todo o horizonte en vela
os Ancares i o Courel.
Pasada Triacastela
do Iribio as faldras fago.
E por Samos Sarria a Lugo.
Oh Lugo a ti me adugo
e sólo por ti me arredo
que ben mereces desandes!
Ver a Ponte a antiga vía
a Muralla a Catedral
de Dona Santa María
o Coro e o Grial.
E ver fincadas rezar
coma co antigo medo
poñer a súa alma núa
didiante dos Ollos Grandes.
E despois de rodear
de rodear e de estar
que non se fai o camiño
sólo para rematar
cruza e debruza no Miño:
Portomarín sulo lago.
Palas Melide Arzúa
E logo xa Compostela
/Monxoi! Eoi! Ei Santiago /
e pararme á vista dela
mirar como eu o fago.

1993

Compostela

EN chegado a Santiago
e logo despois qué fago?

En chegado a Compostela
e despois de vela a ela?

Compostela

IR a Santiago de Compostela
non sin antes por Lugo pasar
ou sin logo por Lugo tornar.
Ir co-ela A Elba
e vela como era leve azafrán
entre laranxa e cera.

Compostela

LUGO Madrid e Compostela
son cada unha a miña cidade
e Quiroga e Monforte a miña vila
i ésta máis sin afán de distinguila
polo grande corro de amistade.

Fernando de Tor Roberto Andrade
i aquel aquel aquel aquela
aquela aquela aquela aquel.
Levanto a copa por el
levanto a copa por ela
ate sacala porriba do tempo.

Compostela

VINDO do Santiago de Compostela
pro Courel proseguir o tempo de Ero
e Manuel para Lugo co pantalón faldón
que veu tralo de boca de cadela.

Rodeando pola Coruña Betanzos Monfero
e Vilalba con Manuel /O Cuadramón!
Mar ó Norde/ por camiño de Oviedo
para ver a Álvaro mesmo en Mondoñedo.

Entre penedos por chousas
levounos á ara antiga
e dalí ó Santuario.
Sin oración nin rosariosin
bico de crucifixocada
un pida tres cousase
que en silencio llas diga.

E fixen o que nos dixo.

Na tumba do Conde Santo
a mao debaixo lle poño.
Canto pedín houben tanto
a pura forza de soño.

1955

Compostela

SOÑARA en ir como fora
e pararme á vista dela
xusto mesmo á miña hora.
1993

Óllase alá Compostela
na tarde. Veño do Lor
cabalgo sólo por vela.

Traigo no peito unha door
que non ten nome contado
traigo cantigas de amor

i as en de amigo traslado.
1954

Compostela

CANDO te vexa o direi
oh Estrela de Santiago
e se inda non o fago
non é porque non o busquei

A tua luz non atopei.
Sí alleos por compañeiros.
Atopei terra e luceiros
día e noite os mirei.

Atopei o Sol i a Lúa
i as estrelas consteladas
atopeinas por miriadas
en cambio non vin a túa.

Compostela

CANDO soa a Berenguela
falo sola Compostela ela ela ela ela.

Cando a Berenguela soa soa soa soa soa
Compostela fala soa.

Fala sola Compostela.
Non son iles fala ela ela ela ela ela.

Compostela

Santiago Matamouros

ERGUIDA irada traza cabaleira
Santiago espada i a bandeira:
a imaxen que el nunca quixera
porque non ten nada do que era.

Compostela

¿SE o pasado é pasado
i o presente é o urxente
por qué inda busca a xente
aquil soño clausurado?

Vido visto ben Santiago
i esa cuestión non resolta
fago camiño de volta
camiño de volta fago.

Camiño de volta fago
volvo do cabo do Mundo.
Terra sólo en ti me fundo:
é a certeza que trago.

Compostela