Ancares

A Serra de Ancares é unha serra situada no extremo noroeste da provincia de León e na parte máis oriental da provincia de Lugo. É un espacio natural protexido e en 2006 foi declarada Reserva da Biosfera pola Unesco. Constitúe o límite entre as comunidades autónomas de Galicia, Castela e León e Asturias. As súas maiores altitudes son os picos Mustallar (1935 m), Cuiña (1987 m) e Miravalles (1969 m). O seu quebrado territorio está formado principalmente polos vales dos ríos que baixan das cimas cara a cunca do río Sil en El Bierzo, na ladeira oriental, e cara o río Navia na provincia de Lugo, na ladeira occidental da serra.

PASADAS tódalas Francias
por Ocitania ou Gascuña
ou de París a Iruña
xa diluidas distancias.
A Aragón por Cataluña
ou polo Norte por Son.
En pasádalas Navarras
as cadeas e as barras.
Pasados León e Castela
por Castela a León.
En pasado Monte Irago
e xa na Lingua de Galicia
Ponferrada e Vilafranca
deixando a chaira estanca
enas mesmas portas dela.
O Valcarce e sin perguicia
/as penas de garamela/
apeitar para o Cebreiro
polo marcado carreiro
que a neve volve vago.
Encarar o porto incerto
o longo cerengo aberto.
A un lado i autro del
todo o horizonte en vela
os Ancares i o Courel.
Pasada Triacastela
do Iribio as faldras fago.
E por Samos Sarria a Lugo.
Oh Lugo a ti me adugo
e sólo por ti me arredo
que ben mereces desandes!
Ver a Ponte a antiga vía
a Muralla a Catedral
de Dona Santa María
o Coro e o Grial.
E ver fincadas rezar
coma co antigo medo
poñer a súa alma núa
didiante dos Ollos Grandes.
E despois de rodear
de rodear e de estar
que non se fai o camiño
sólo para rematar
cruza e debruza no Miño:
Portomarín sulo lago.
Palas Melide Arzúa
E logo xa Compostela
/Monxoi! Eoi! Ei Santiago /
e pararme á vista dela
mirar como eu o fago.

1993

Ancares

DO Carbedo i Esperante
su Mostad a Pontalor
cara Pacios do Señor
o da torre de levante.

Grandalonga i o Hospital
pro Cebreiro por Liñares
levando de cara Ancares
esquecido o Grial.

Ancares



POLO Real de Parada
por Savane e por Piñeira
Pontalor e Fondestela
cara Pacios de Lousada
o solar da miña mai.
Polas rotas do meu pai
i a miña irmá cabaleira.
Coma se fora candi-el
como se fora candi-ela
a Pedrafita á feira.
Por Grandalonga e Liñares
deixando a do Courel
pola vista dos Ancares.

Ancares

A Becerreá chegar.
Non chega con se abrigar.
A desenllar botelos
para que frío non leves.
……
Mirar para Ancares e velos
por entre de carambelos
señores das grandes neves.

Ancares